Tuesday 07 de May de 2024

A exposición Marea fotográfica percorre o patrimonio mariñeiro da Pobra


Un total de 49 fotografías compoñen a mostra Marea fotográfica que se pode visitar na sala de Iconografía Contemporánea do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal dende este mesmo 17 de xuño e ata o 12 de setembro, acompañadas de libros e noticias sobre a industria da salgadura na localidade.

 

Esta exposición é froito do proxecto fotográfico realizado por alumnado de 4.° da ESO do IES pobrense, coordinado polas profesoras Elisa Costas e Marga Saborido, no que se fai un repaso pola historia e patrimonio mariñeiro e estrutúrase do seguinte xeito: Espazos Baleiros, Ramiro Villoch, Mariscadoras, Bateas, Nojira, Xanelas e Retratos Maiores.

 

A autoría das imaxes recae en Rubén Cajide, Eva Fernández, Yago Fernández, Fabián García, Marcos González, Lucas Lijó, Carlos Montes e Fabián Vidal. Todos eles ofreceron unha visita guiada ás persoas asistentes ao acto de inauguración que tivo lugar ás 11.30 horas desta xornada.

 

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), xunto coa técnica da institución museística, Araceli Abad, manifestou que esta mostra tamén se vincula co escritor, pois “a persoa de Valle-Inclán non se pode entender sen prestar a debida atención a un gran cambio socioeconómico que sucedeu ao longo dos séculos XVII e XIX: a substitución da elite social fidalga, á cal pertencía a familia do autor, polos empresarios burgueses que, no caso da Pobra, estaban constituídos principalmente polos fomentadores da salgadura de sardiña”; aspecto que recollen algunhas das instantáneas como retrospección á Pobra de antano. En relación a isto, sinalou que a Torre de Bermúdez foi vendida e transformada en almacén de salgadura a finais do século XIX, polo que a exhibición deste traballo de investigación elaborado por parte do estudantado está vencellado á propia historia do edificio. A edil remarcou tamén a importancia deste tipo de iniciativas impulsadas pola comunidade local e dirixidas a toda a cidadanía en xeral: “é un esforzo por contextualizar a historia industrial da nosa vila, que tanto nos marcou, e que tanto influíu en Valle-Inclán e a súa familia. É, tamén, unha fiestra aberta aos visitantes ocasionais, para que nos coñezan mellor. É, por último, unha magnífica ocasión para que toda a veciñanza da Pobra se achegue ata este Museo, que é seu, e o desfruten.”

 

Pola súa parte, a docente Marga Saborido, apuntou que este proxecto “ensinounos a ver A Pobra, a súa historia, a industria e os traballos do mar dende outra perspectiva.” Referiuse, ademais, a que non só se adquiriron coñecementos técnicos, senón tamén de vida.